Conflito entre as agrupacións de mariscadores de Rianxo pola delimitación das zonas de traballo

RIANXO> Conflito aberto no seo da confraría de Rianxo. As mariscadoras a pé acusan ó colectivo de a flote de invadir a súa zona de traballo. Piden á Xunta que proceda á delimitación das praias para evitar que esquilmen o recurso das praias.

Cansadas de denunciar a situación ante a confraría e a propia Xunta de Galicia, as mariscadoras a pé de Rianxo decidiron convocar unha sonora protesta ás portas da lonxa para frear o que consideran unha invasión da súa zona de traballo.

A delimitación das áreas con elementos físicos evitaría situacións como a vivida esta mañá na que os vixilantes negáronse a sancionar ás embarcacións que presuntamente faenaban nas autorizacións reservadas ó colectivo de a pé alegando que se atopaban dentro da súa área de traballo.

Ó remate da protesta a presidenta da agrupación de mariscadoras a pé mantivo un encontro co patrón maior para volver solicitar a delimitación das zonas. Miguel Ángel Iglesias comprometeuse a reforzar o pintado dos sinais xa existentes no espigón que marcan os límites de cada área así como a designar un vixilante para cada unha das agrupacións. Agarda que con estas medidas se reduza a tensión entre os dous colectivos escenificada na protesta desta mañá na que chegaron a verterse graves insultos e descalificacións  contra os mariñeiros de a flote.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí