Bo ambiente nas casetas da Cidade de Libro de Vilagarcía

VILAGARCÍA> Bo ambiente e bastantes vendas na Cidade de libro de Vilagarcía. A feira continúa ao longo de toda esta semana con multitude de propostas culturais, como presentacións ou actividades para a rapazada. Tamén seguen instaladas na praza da II República as tradicionais casetas, elemento imprescindible do evento. Esta mañá, fomos por alí coñecer cales son as principais novidades da tempada.

Libros e máis libros converten estes días Vilagarcía nunha referencia para o sector. A Cidade de Libro continúa en marcha e faino cunha boa resposta por parte do público. Tamén aquí nas tradicionais casetas instaladas na praza da II República. A calor notouse o luns, con menor afluencia, pero non foi impedimento para encher o resto de días, en especial coa visita do popular Ángel Martín. E nótase tamén unha paulatina volta á normalidade, logo de dous anos marcados pola pandemia.

Nos postos de Cidade de Libro podemos atopar algúns dos grandes clásicos da literatura universal e tamén da nosa. Por suposto, tamén as últimas novidades. E ademais, un posto especial reservado para colectivos da cidade. Hoxe, coa Mesa das Verbas.

A Cidade do Libro complétase con outras moitas propostas. Onte á tarde, por exemplo, coa presentación da Pantasma de Cortegada, de Paula Carballeira, na propia illa. Na actividade participou a rapazada da Escola Infantil Vagalume de Vilagarcía.

O programa continuará ata o vindeiro domingo con distintas presentacións e mesmo actuacións musicias. Un dos pratos fortes desta edición será mañá venres, coa xornada dedicada de xeito íntegro á literatura xuvenil.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí