RIBEIRA> Dous mariñeiros do atuneiro vigués Albacora 4, da armadora Compañía Europea de Túnidos, falecían por inhalación de amoníaco tras un escape de gas.
O barco estaba a ser reparado en Porto Vitoria, en Mahé, a capital das illas Seychelles.
Os dous falecidos eran naturais de Ribeira. Trátase de Ángel Boo de 35 anos, veciño de Palmeira, que exercía labores de xefe de máquinas; e Francisco Cameán, de 27 anos, veciño de Carreira , aínda que na actualidade residía en Xuño, Porto do Son.
No sinistro resultaron tamén feridos un total de 8 tripulantes máis do barco, aínda que o seu estado é favorable.
Representantes da casa armadora xa emprenderon viaxe ata o arquipélago para interesarse polo estado dos mariñeiros feridos e iniciar tamén tódolos trámites para a repatriación dos dous cadáveres.
En Ribeira, tan pronto se foi coñecendo a nova da morte dos dous mariñeiros causaou gran consternación, xa que se trataba de dúas persoas moi coñecidas, especialmente nas súas parroquias natais, tanto en Carreira como en Palmeira.
En sinal de loito o Concello pendurou do balcón da casa consistorial un lazo negro.