RIBEIRA> Esta mañá presentábase en Ribeira a terceira edición da Feira de Automóbiles híbridos, eléctricos e vehículos de ocasión. Terá lugar os días 17, 18 e 19 deste mes de xuño e estará organizada pola Asociación de Empresarios.
A feira contará coa presenza de trece marcas, dúas máis que na última edición, que presentarán as súas últimas novidades na gama híbrida e eléctrica, con algunha presentación en exclusiva.
Dende o Concello, que colabora tamén coa patronal local na organización desta cita, destacaron a importancia da actividade que volverá a contar tamén co vehículo de ocasión, que ten agora mesmo unha alta demanda.
A feira celebrarase na praza de España. Arrancará o venres 17, e prolongarase durante toda a fin de semana. A entrada ó recinto será de balde.