A Deputación da Coruña contará en 2025 cun orzamento de máis de 240 millóns

BARBANZA> O orzamento da Deputación da Coruña para 2025 superará os 240 millóns de euros. Supón un incremento do oito por cento con respecto ó actual exercicio e practicamente a metade transferirase directamente ós concellos no marco do Plan Único.

A Deputación da Coruña baterá récord o próximo ano cun orzamento de 240 millóns e medio de euros. Será o maior da historia da institución incrementando nun 8’26 por cento o do actual exercicio. Así o adiantou o presidente provincial na presentación das principais liñas de traballo da Deputación ante a Comisión de Economía e Facenda do Parlamento.

O 44 por cento do total, máis de 105 millóns, serán transferencias directas ós concellos a través do Plan Único que incrementa o seu orzamento nun 72 por cento, pasando de 50 a 86 millóns de eiros de dotación inicial. Destinaranse tamén anticipo de subvencións dirixidas ós concellos suman 19 millóns e medio que se traducirán na creación de 1600 empregos.

Entre as principais liñas de traballo da institución provincial destacan a aposta social, cun gasto próximo ós 33 millóns de euros, con especial relevancia do Servizo de Axuda no Fogar.

Tamén o emprego e o fortalecemento dos sectores produtivos ocupa un lugar destacado ns políticas provinciais co PEL que experimenta un incremento próximo ó dous por cento cun orzamento superior ós 16 millóns.

Valentín González Formoso contextualizou este reforzo na cooperación cos concellos nun momento en que os servizos públicos veñen experimentando un grande incremento de custos. Neste punto, o presidente incidiu no grave probelma que supón que concellos e deputacións sigan a asumir competencias de titularidade autonómica sen que a Xunta os dote do financiamento axeitado.

A pesar deste esforzo inversor, o nivel de débeda continúa a cero e manteranse as taxas e prezos públicos provinciais ó longo de todo o exercicio.