Lago defende a renovación das palmeiras danadas polo picudo fronte as críticas do BNG

CAMBADOS> Polémica en Cambados pola substitución dos exemplares danados polo picudo no Paseo das Palmeiras. Ao BNG non lle convence a decisión de mudar 15 das árbores por outra especia máis resistente ás pragas. O alcalde sae ao paso das críticas, indicando que a variedade elixida parte dun informe de Portos. Samuel Lago tamén defende o investimento feito nesta actuación. Repoñer cada exemplar custará uns 1.000 euros, fronte aos 3.000 que calculaban os nacionalistas.

Trátase dun dos puntos máis emblemáticos de Cambados, de aí que o que se faga nel xere tanto debate. A praga do picudo vermello obrigou a Portos, de quen depende esta zona, a cortar de raíz 15 exemplares. Disto hai agora dous meses. Segundo o acordado daquela, o ente autonómico asumiría os custos da eliminación das árbores danadas, mentres que a súa reposición corría por conta do concello. O BNG critica esta xestión, algo que non entende o alcalde.

A decisión de suprimi-las palmeiras danadas parte de que o concello asegura que non pode seguir asumindo os tratamentos contra o picudo. Pola contra, si vai asumir máis de 15.000 euros pola reposición dos 15 exemplares suprimidos. Unha cantidade, lembra o alcalde, inferior ao que aseguraba o BNG, que cifraba en 3.000 euros a reposición de cada exemplar.

Aos nacionalistas tampouco lles gusta a decisión de mudar de variedade de palmeira. No canto de poñer exemplares iguais aos que había, optouse por outra especie máis resistente ás pragas. Unha decisión que conta co aval de Portos.

O alcalde aproveita para lembrar que a loita pola desafectación destes terreos continúa. Di que houbo avances nos últimos meses, pero escasos. A proposta da presidenta de Portos é para Lago ‘escasa’, porque só inclúe o Paseo da Calzada e unha zona en San Tomé. O goberno local insiste en que hai moito máis espazos que poden pasar a titularidade municipal, ao non ser empregados para usos portuarios. Por esta razón decidiron recorrer a Costas do Estado, solicitando a través desta vía a reversión deses terreos.