A campaña do 25N do CIM conta historias reais de violencia machista empregando imaxes de mulleres xeradas por IA

CAMBADOS> O CIM da Mancomunidade do Salnés bota man da intelixencia artificial para deseñar a súa campaña do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Con esta ferramenta crearon a imaxe de cinco mulleres que non son reais para dar voz a casos de violencia que si o son, e que foron vividos por usuarias do CIM. O lema: Esta muller non existe. A violencia de xénero, si.

Dolores Ojea, 64 anos, Meaño. Bea Vilán, 38, Cambados. Marifé Alonso, 70, Vilanova. Uxía Formoso, 23, Meis. María Lucía Rúa, 41 anos, Ribadumia. Estas son identidades ficticias de mulleres que non existen. Pero as súas historias si son reais.

Son a imaxe da Mancomunidade do Salnés para este 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A campaña ten por lema ‘Esta muller non existe. A violencia de xénero, si’. Para deseñala, o CIM botou man da intelixencia artificial.

Cada cartel representa un dos cinco concellos aos que atende o CIM da Mancomunidade. E os casos que recollen identifican un tipo distinto de violencia machista.

Estes carteis repartiranse tanto en edificios das diferentes administracións como en comercios, locais de hostalería, centros educativos ou centros sociais. Ademais, a campaña terá un importante peso nas redes sociais dos cinco concellos e da Mancomunidade.

Dende o CIM fan un chamamento á cidadanía para que faga súa a campaña, empregando os diferentes materiais que se van distribuír.