Máis de 200.000 persoas pasaron por Cambados durante os seis días da Festa do Albariño

CAMBADOS> O domingo remataba a Festa do Albariño deste 2023 e hoxe xa chegou o momento de facer balance. Segundo os datos do concello de Cambados, pola vila pasaron máis de 200.000 persoas entre o martes e o domingo e o Consello Regulador vendeu 41.000 cataviños. Unhas cifras que confirman o éxito dunha cita que volveu ser multitudinaria.

A Festa do Albariño deste 2023 foi multitudinaria. Así o confirman os datos obtidos pola Mancomunidade do Salnés. O seus sistema contabilizou que 200.238 persoas pasaron entre o martes e o domingo por Cambados.

O día de maior afluenza foi o sábado, cando se roldaron os 53.500 visitantes. Tamén é indicativo do éxito desta festa o número de cataviños vendidos polo Consello Regulador Rías Baixas: 41.000, 7.000 máis que o ano anterior.

Dende o concello engaden tamén que se retiraron 16 contentores de vidro do paseo da Calzada, seis máis que o ano anterior, e que o Túnel do Viño recibiu o dobre de visitas, acadando o milleiro.

O goberno local destaca que, aínda que multitudinaria, foi unha Festa do Albariño tranquila, sen que se rexistraran incidencias graves. Houbo tamén menos botellón na rúa.

Segundo os datos da Mancomunidade, a maioría dos visitantes que se achegaron a Cambados fixérono dende outros puntos de Galicia, sobre todo da provincia de Pontevedra. Pero tamén doutras comunidades como Madrid, Barcelona e Asturias. En canto aos visitantes internacionais, este ano foron os franceses os máis numerosos.