CAMBADOS> Cambados vaise mobilizar en apoio ao sector mar-industria. O sector, a confraría e tódolos partidos políticos do municipio acordaron convocar unha concentración contra o informe de Cosrtas que cuestiona o futuro das depuradoras en Tragove. Ademais, o vindeiro martes vaise convocar un pleno extraordinario que terá como único punto unha moción presentada polo sector.
Cambados continúa dando pasos na defensa do sector mar-industria. Bateeiro, a confraría e tódolos grupos políticos con representación no Concello veñen de manter unha reunión na que marcaron as liñas estratéxicas a seguir na defensa das depuradoras e dos postos de traballos.
Esta unión nace fronte ao informe de Costas que cuestiona o futuro das tres depuradoras de Tragove, así como varias dotacións públicas en zona portuaria. Entre elas, o mercado de abastos, a estación de autobuses e o centro de saúde.
O primeiro paso que acordaron tomar é convocar un pleno extraordinario para tratar este asunto. Na orde do día, un único punto: unha moción presentada polo sector coa que o Pleno cambadés lles amosará o seu apoio. A sesión foi convocada para o vindeiro martes, ás oito do serán.
A continuación vaise celebrar unha concentración conxunta ás portas da Casa do Concello. Unha mobilización na que o sector e as formacións políticas van ir xuntas. Unha unión, por certo, que fixo que o PP desconvocase a concentración que tiña prevista para este xoves.
Tanto os bateeiros, como os membros da confraría e a corporación entenden que o único xeito de defende-la continuidade das depuradoras na súa localización actual é ir xuntos, defendendo que se trata dunha industria viable técnica, económica e incluso ecoloxicamente. Ao remate da xuntanza, o alcalde indicou que non ten sentido trasladar estas empresas terra adentro, tendo en conta que precisan da auga do mar para poder traballar. Iso implicaría, segundo explicou Lago, poñer en marcha mecanismos de bombeo para que a auga acabase chegando ás plantas.