Comezan as obras de reurbanización da rúa Nova de Cambados

CAMBADOS> Comezan as obras de reurbanización da rúa Nova de Cambados. Estase actuando no treito alto da vía, onde as beirarrúas presentaban xa un estado moi deteriorado. Os traballos buscan mellora-la accesibilidade e a estética da zona, ao tempo que se renovan os servizos soterrados. As obras van durar un mes e medio e contan cunha axuda da Deputación da Pontevedra.

A rúa Nova de Cambados está partida en dous. Un primeiro treito, con materiais acordes ao núcleo histórico e outro, con beirarrúas desiguais e pavimento deteriorado. É nesta parte onde o Concello vén de iniciar un proxecto de reurbanización. A reforma busca mellora-la imaxe e accesibilidade da vía.

A nova rúa será de plataforma única, con beirarrúas de lousas de pedra e a zona de tránsito de asfalto. As prazas de estacionamento mantéñense todas e serán de adoquín. Ademais, tamén se van renovar os servizos soterrados.

A reurbanización suporá un investimento duns 100.000 euros, co apoio da Deputación de Pontevedra. Os traballos van durar un mes e medio e neles inclúense tamén prospeccións arqueolóxicas. Ademais, a remodelación servirá tamén para volver dotar de auga ao antigo pilón desta rúa, que foi rehabilitado hai uns meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí