RIBEIRA> Ribeira vén de sumar unha nova agrupación á súa longa tradición teatral. Trátase da compañía ‘Enraizadas’ que se estreará o próximo 19 de setembro cunha función solidaria.
Kika Fernández e Loida Fernández, dúas ribeirense apaixonadas do teatro, sumaron o seu talento para crear Enraizadas, unha nova compañía teatral que se estreará o 19 de setembro no auditorio municipal.
A súa proposta ‘Terra Trágame’ levará a escena situacións da vida cotiá contadas con moito humor a través de sete secuencias nas que as risas están garantidas.
Esta estrea ten ademais unha vertente solidaria posto que os cinco euros de donativo que custa a entrada irán destinados á asociación Galega para o Acompañamento Persoal e Educativo ÁGAPE.
As entradas xa se poden adquirir na sede de ÁGAPE, Don Tacón, A Fiandeira, Peluquería Ángeles, o local da asociación das Amas de Casa ou no propio auditorio media hora antes do comezo da función.











