NOIA> A Garda Civil fai balance da operación Falcone que permitiu desarticular en Noia unha rede de tráfico de drogas que utilizaba drons para a súa distribución. No marco da investigación foron detidas dez persoas. Sete delas xa ingresaron en prisión provisional.
As investigacións que culminaron co desmantelamento desta rede dedicada ó menudeo iniciáronse hai medio ano tras detectar a Garda Civil un incremento da criminalidade en Noia o que permitiu localizar tres puntos de venda de drogas na localidade.
As pescudas permitiron determinar que os tres establecementos investigados, que inicialmente semellaban funcionar de xeito independente, estaban conectados e operaban de forma coordinada. O máis chamativo é o método que utilizaban para a distribución de substancias estupefacientes a través de drons.
As ramificacións da operación Falcone chegan tamén ata Arousa posto que o subministro da cocaína dependía de dous residentes en Cambados que foron detidos na primeira fase da investigación xunto cun veciño de Noia. Foron interceptados cando realizaban o transporte da droga dunha localidade á outra nun operativo no que foron intervidos preto de 200 gramos de cociían e 1900 euros en efectivo.
A segunda fase da operación saldouse con outros sete detidos e a realización de varios rexistros domiciliarios que permitiron localizar, ademais da droga, diverso material para a súa distribución así como varios dispositivos electrónicos.
A investigación correu a cargo do Xulgado de Noia que decretou o ingreso en prisión provisional de sete dos detidos. A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.











