Satisfacción entre os comerciantes ante a boa marcha do MercaNaVila

NOIA> A deputada provincial de Comercio, Rosa Ana García, visitou o concello de Noia para facer balance da campaña MercaNaVila que a Deputación da Coruña desenvolve nos municipios de menos de 20 mil habitantes. Os comerciantes trasladáronlle a súa satisfacción polo importante volume de ventas que supón este programa de bonos desconto.

A dinamización do tecido comercial das vilas de menos de 20 mil habitantes é o principal obxectivo da campaña MercaNaVila que a Deputación da Coruña ten en marcha ata o 20 de novembro. Noia é un dos municipios nos que maior éxito está a acadar esta iniciativa, seguindo a estela da primeira edición na que liderou as vendas de toda a provincia.

A deputada de Comercio na Deputación desprazouse ata a localidade para departir cos comerciantes e comprobar sobre o terreo a boa marcha desta iniciativa.

A Deputación da Coruña inviste neste programa cinco millóns de euros  que se artellan en bonos descontos de ata 100 euros dos que se aplican distintas contías en función do importe das compras.

Con esta segunda edición, a Deputación reafirma a súa aposta polo comercio de proximidade favorecendo as vendas nunha época de baixa afluencia, previa á campaña de Nadal.