PORTO DO SON> O concello de Porto do Son segue a promover actuacións de aforro enerxético nas instalacións municipais. A última consistiu na substitución do alumeado do campo de fútbol grazas a unha subvención da Consellería de Presidencia.
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, desprazouse ata Porto do Son para coñecer a mellora do alumeado acometida no campo de fútbol da localidade. Substituíronse as antigas luminarias por catro torres dotadas de vinte focos en total. Están dotados coa última tecnoloxía en eficiente enerxética o que supón un aforro de máis do 50 por cento.
A actuación, cun orzamento de 60 mil euros, foi financiada na súa totalidade con cargo a unha subvención de concorrencia competitiva con cargo ó Fondo de Cooperación Local.
Non é esta a única actuación en materia de eficiencia enerxética que está a acometer o concello. Nos últimos meses, procedeu á dotación de caldeiras de biomasa e instalacións fotovoltaicas en diversas instalacións municipais así como á substitución de luminarias en case toda a rede municipal.
O concello volverá concorrer este ano a esta liña de subvencións autonómica cun proxecto para instalar unha caldeira de biomasa no polideportivo municipal.