O delegado da Xunta interésase polo proxecto Econoia que desenvolve o pósito noiés

NOIA> A confraría noiesa continúa a desenvolver o proxecto Econoia, da man da consellería do Mar. Trátase dun programa iniciado hai varios meses que ten coma principal finalidade a limpeza das zonas productivas do pósito. Esta mañá os mariscadores recibiron a visita do delegado Territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, que quixo coñecer de primeira man como están a realizar este traballo.

O programa Econoia que desenvolve o pósito noiés arrancou hai un par de meses e ten coma principal obxectivo reducir a cantidade de lixo  mediante a súa recollida nas zonas intermareais das concesións da propia confraría.

Con esta acción búscase tamén aumentar o grao de concienciación e sensibilización sobre a importancia de manter limpo o medio mariño.

Esta mañá os mariscadores recibiron a visita do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e do alcalde, Santiago Freire. Os dous destacaron a importancia desta iniciativa de carácter medioambiental.

Na experiencia participan ó redor duns douscentos mariscadores. O orzamento do programa ascende a uns 200 mil euros, repartidos nas anualidades 2020-2021.