A empresa Seixo realizará as obras de peonalización da rúa General Franco

    A empresa Seixo, foi a elixida polos membros do executivo ribeirés, para efectuar as obras de peonalización da rúa General Franco, que saíron a concurso o pasado día oito deste mes. As obras de peonalización da rúa General Franco de Ribeira comezarán o próximo mes, tras ser axudicadas hoxe mesmo á empresa Seixo, que competía con outras oito compañías. Estes traballos, que requiren un investimento de case seiscentos cincuenta mil euros, teñen como obxectivo primordial o de converter Ribeira nunha cidade máis humana, segundo explicou o alcalde da localidade, Xosé Luís Torres Colomer, ademáis de facilitar a creación do Centro Comercial Aberto da vila. Os veciños e os propietarios de establecementos da zona amósanse polo xeral moi satisfeitos ante a realización destas obras, que contemplan a creación dunha vía uniforme, sen bordillos e con diverso material urbano, con accesos para os garaxes e cun horario de carga e descarga no que se permitirá a entrada de camións. O proceso de adxudicación comezou o pasado día oito de setembro, coa publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases da adxudicación e debido a que a peonalización afecta unha das rúas nas que existe unha maior concentración comercial, realizouse polo trámite de urxencia. O final das obras, que comezarán o vindeiro mes, está programado para a primavera de 2006. Dentro desta liña que está a seguir o Concello e que busca a humanización dos espazos urbanos, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a licitación das obras para a recuperación da área histórica da parroquia de Castiñeiras por un valor de case 320 mil euros. As empresas interesadas teñen vinte días naturais dende o pasado venres para presentar as súas ofertas.