O BNG do Barbanza presenta emendas ós orzamentos da Xunta por máis de 38 millóns de euros

BARBANZA> O BNG do Barbanza presentará emendas ós orzamentos da Xunta na comarca por valor de 38 millóns de euros. Entre as partidas máis destacadas que botan en falta, sinalan as destinadas á creación de chan industrial, saneamento da ría e servizos sociais tan necesarios como centros de día, residencias e escolas infantís.

Tras analizar en profundidade as contas da Xunta para 2026, o BNG do Barbanza denuncia o abandono ó que someten á comarca esquecendo partidas comprometidas e longamente demandadas pola veciñanza dos catro concellos. Os nacionalistas presentarán un paquete de emendas por valor de 38,4 millóns centradas en proxectos estratéxicos para a puxanza da bisbarra. Entre eles a dotación de chan industrial co desenvolvemento do polígono comarcal ou o pulo definitivo do parque empresarial de Ribeira ou a necesidade de mellorar a calidade das augas a través dun plan integral de saneamento que contempla unha nova EDAR para Boiro.

En materia social, os nacionalistas botan en falla proxectos como a ampliación da área de hospitalización do hospital do Barbanza, o centro de día de Rianxo ou as a residencias de Boiro e Ribeira así como  novas escolas infantís en Ribeira e na Pobra

As emendas inciden tamén na necesidade de mellorar as comunicacións da comarca coa humanización de varios treitos da AC-305 e o tan demandando estudo de viabilidade dunha conexión ferroviaria. Outras demandas refírense á remodelación da fachada marítima de Rianxo, a reforma integral da estación de autobuses da Pobra ou a recuperación  do bordo litoral da Ribeiriña coa  adquisición da antiga nave de Hadasa.