O executivo boirés apoiará a implantación das grandes áreas comerciais

    BOIRO > A implantación de grandes áreas comerciais en Boiro segue a xerar diferencias entre comerciantes e empresarios. Polo momento, e á espera de escoitar tódalas propostas, o equipo de goberno aínda non tomou ningunha decisión ó respecto. Sen embargo, os representantes municipais teñen claro que apoiarán todas aquelas iniciativas que supoñan a creación de emprego e riqueza no municipio.

     

    Segundo explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Xoán Xesús Ares, o executivo municipal tomará unha decisión en base ó interese xeral do municipio. Ante o constante crecemento que está a experimentar o concello, tanto urbanística como economicamente, o goberno local está a ter en consideración a tódalas empresas interesadas en instalarse en Boiro, sempre que contribúan ó desenvolvemento económico da zona.

    O executivo toma como referente un estudo elaborado pola Xunta de Galicia que pon de manifesto a crecente importancia económica de Boiro. Neste sentido, os representantes municipais consideran que a instalación de grandes superficies comerciais será beneficiosa tanto para o propio concello como para os municipios e comarcas limítrofes posto que atraerá unha maior afluencia de visitantes.

    Ante a polémica xurdida entre varios representantes do sector empresarial da vila, Xoñan Xesús Ares entende a preocupación dalgúns comerciantes pero insiste en que a presenza dos centros comerciais repercutirá positivamente no pequeno comercio. Así mesmo, Ares considera que as discrepancias proveñen só dalgúns comerciantes e non reflexan o sentir común do sector.

    Lonxe de tomar unha decisión de xeito unilateral, o executivo insiste en que serán tidas en conta tódalas propostas na busca do ben común para Boiro.

    Por outra banda dende a Asociación Boiresa de Empresarios séguense a poñer en dúbida as razóns esgrimidas polos responsables municipais para defende-la implantación das grandes áreas comerciais en Boiro, como é o caso da creación de postos de traballo.

    Os membros da patronal boiresa pon como exemplo a recente apertura de dous grandes supermercados na localidade como é o caso do Eroski e o Mercadona, que supuxeron a contratación de 31 e 35 persoas respectivamente, aínda que na actualidade a reducción nas dúas empresa foi drástica, chegando nalgún caso ó 50%. Ante estes datos a ABE considera  que a creación de emprego que venden os romotores das grandes superficies non é mais que unha falacia para consegui-lo apoio dos cidadáns.

    Para os membros da Asociación Boiresa de Empresarios o único que está demostrado é que cando unha grande área de vendas entra en funcionamento automáticamente pérdense postos de traballo no pequeno comercio.

    Redacción Barbanza