Medio Ambiente erradicará 16 vertedoiros incontrolados en Ribeira

    RIBEIRA> O Concello alcanzou un acordo de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en virtude do cal este departamento autonómico ten previsto erradicar un total de 16 vertedeiros incontrolados localizados en camiños e parcelas de titularidade pública do municipio. Está previsto que a execución destes traballos de limpeza teñan lugar este mes, unha vez técnicos municipais competentes detectaron e trasladaron a existencia destes puntos de verquido. As escombreiras atópanse bastante diseminadas polo municipio, situándose en parroquias como Aguiño, Carreira, Oleiros, Artes, Palmeira ou Santa Uxía. Un deles está situado no lugar coñecido como Outeiro das Ovellas, outro en Couso, dous no Monte da Cidá, un nunha pista situada entre a estrada CP-7301 e Deán Pequeno, un en Sancortes , tres en Pedras Vermellas , dous en Pedra das Cabras, un en Espiñeirido, un en Muíño da Correa e os tres restantes no contorno da Fieiteira.