RIANXO > O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, foi recibido este martes en Santiago pola Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero. O motivo da reunión non era outro que afondar na creación dunha Area de Rehabilitación Integral para o casco antigo de Rianxo, así como tamén para os núcleos rurais tradicionais de todo o municipio.
Este martes o rexedor rianxeiro trasladouse a Santiago para manter un encontro tamén coa Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, co fin de profundizar máis no proxecto que baralla o actual executivo de poñer en marcha no municipio unha Área de Rehabilitación Integral, proposta que xa lle foi presentada polo alcalde á titular da Conselleira da Vivenda nunha entrevista mantida o pasado 28 de novembro.
Na xuntanza, Pedro Piñeiro obtivo o compromiso por parte da administración autonómica para a aprobación do convenio unha vez que o concello elabore a memoria sobre a área a rehabilitar.
Para a posta en marcha do proxecto, o concello solicitará axudas tanto a administración autonómica como á estatal aportaría correspondentes ó 40 por cento para a rehabilitación dos edificios cun máximo de 4500 por vivenda. Así mesmo, tanto o Ministerio como a Consellería poderían aportar o 20 e o 30 por cento respectivamente para a reurbanización dos espazos libres.
A intención do executivo rianxeiro pasa fundamentalmente por conseguir a ARI non só para o casco antigo de Rianxo senón tamén para os núcleos rurais tradicionais existentes nas demais parroquias do concello como poden ser Quintáns, Vacariza, Isorna-Sestelo, Meiquiz-Cabana-Or, Rañó, Brión, Somoza ou A Capela. O concello encargaríase de dotar estes núcleos dos servizos básicos mentres que a Consellería urbanizaría os espazos públicos.
Precisamente o Bloque Nacionalista Galego da localidade tamén organizou esta pasada fin de semana unha charla para dar a coñece-lo proxecto dunha Área de Rehabilitación Integral que pretende poñerse en marcha no municipio. Ó acto asisitiu a Directora Xeral de Fomento e Calidade de Vivenda da Consellería de Vivenda e Solo, Encarna Otero, que explicou algunhas das características desta iniciativa.
Á charla organizada polos nacionalistas rianxeiros, e que se desenvolveu no reservado do Bar Pimen, asistiu un gran número de veciños, interesados en coñecer as peculiaridades e vantaxes que traería consigo a aprobación dunha Área de Rehabilitación Integral.
Durante o acto a Directora Xeral de Fomento e Calidade de Vivenda da Consellería de Vivenda e Solo, Encarna Otero, explicoulles ós presentes que o proxecto permitiría acceder a axudas para realizar obras de rehabilitación de vivendas, de edificios completos e mesmo obras de reurbanización e urbanización nas rúas e prazas.
Encarna Otero falou tamén dos beneficios que traerá consigo a posta en marcha da ARI. Segundo ela abriranse toda unha serie de posibilidades que contribuirán decisivamente a mellora-la calidade de vida no casco antigo da vila.
Redacción Barbanza