Os médicos dan 48 horas a Sanidade para solucionar a crise de uxencias

    medicosurxenciaschop_100_300107.jpgPONTEVEDRA > Os médicos de Urxencias do CHOP denuncian que están nunha situación límite, nun servizo con sobrecarga …

    … asistencial permanente e cun cadro de persoal mermado e explotado.

    Levan mes e medio en situación límite. Así din estar os médicos de urxencias de adultos do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Hoxe remitiron un comunicado á xerente do CHOP, ó director xeral do Sergas e á Consellería de Sanidade onde enumeran os problemas que están a padecer no servizo de urxencias. Os médicos de urxencias de adultos de Montecelo falan de sobrecarga asistencial permanente pola estancia inadecuada de pacientes ingresados en Urxencias de Adultos en Montecelo. Non teñen coordinador en funcións, que presentou a súa dimisión e desempeña a súa función nas Urxencias de Pediatría.

    Pero, o que consideran máis grave é que a pesar de ter un cadro de persoal médico mermado, teñen dobre turnos, gardas non programadas e ademais os moven para o servizo de urxencias de pediatría no Provincial. ‘Estamos nunha situación de tensión e cansos’, engadiu o doutor Fernando Rodríguez. Ademais, Jorge Nogueira sinala que en calquera momento os poden remitir a eles ás urxencias de pediatría, cando levan 6 anos sen atender a un neno, e ‘a fiscalía e o xulgado de garda deberían de sabelo’.

    O total do cadro de persoal de urxencias agás o coordinador accidental suscriben un documento de protesta no que lle dan 48 horas de prazo á administración para tomar medidas. A principal pasa por incrementar a plantilla, ata un mínimo de 22 médicos. Están dispostos a tomar incluso medidas legais, pero haxa ou non solución, solicitan a dimisión do equipo directivo e da xerencia do CHOP. ‘Que o solucionen, pero que se vaian ou senón que os boten, por incompetentes’, sinalou Jorge Nogueira.

    Os médicos de urxencias de adultos tamén se referiron ás declaracións da Conselleira de Sanidade sobre a UCI pediátrica. Consideran as súas palabras unha barbaridade e un atentado contra a intelixencia dos profesionais da medicina. E critican que María José Rubio adopte os plans funcionais segundo os sucesos que ocorran cada día.

    Redacción Salnés