O PSOE pide a rehabilitación do barrio dos cataláns na Pobra

    POBRA> Segundo os socialistas a mellora podería ir incluída no proxecto de rexeneración ambiental previsto para as marismas das Xunqueiras e da praia do Areal. A deputada socialista, Paloma Rodríguez, vén de rexistrar no Congreso unha Proposición no de Lei coa que insta ó Goberno á inclusión no proxecto de rexeneración ambiental das marismas das Xunqueiras e a praia do Areal, que prevé iniciarse xa este ano, das obras de conservación e rehabilitación do coñecido como Barrio dos Cataláns, como parte integrante da zona a rexenerar, así como a elaborar un proxecto que busque tamén a súa restauración e rehabilitación para o seu uso como espazo cultural e Museo da Conserva. Segundo ela esta zona reproduce fielmente a importancia que no seu día tiveron as fábricas de salazón como intento de industrializar o sector pesqueiro, relanzando a nosa economía, polo que lamenta que o proxecto para a rexeneración ambiental previsto para a zona das Xunqueiras, contemple tamén a demolición de varias destas edificacións que hoxe forman parte xa da cultura de Galicia.