RIBEIRA > A conserveira ‘Mar de Couso’ presentou este martes un innovador produto que se vén a sumar á gama de conservas delicatessen fabricadas pola factoría ribeiresa. Trátase de ameixas das Rías Galegas á mariñeira precociñadas e envasadas en tarros de cristal. A preparación e envasado do producto son froito dun complicado proceso de elaboración desenvolvido polo departamento de I+D+I da empresa.
Este innovador produto estará no mercado a partir do mes de agosto e introducirá importantes vantaxes para o consumidor. Á gran calidade das ameixas procedentes das Rías Galegas, hai que engadir a comodidade na súa peparación, posto que abondan tres minutos no microondas para te-lo plato listo, e a amplitude no tempo de conservación cun máximo de tres anos para o consumo preferente.
Con este novo produto, Mar de Couso vén a ampliar a súa línea Gourmet Etiqueta Negra integrada por diversas especialidades como o polbo á galega, a mousse de mexillón, as cremas de pescado e marisco ou as migas de bonito do norte entre outras.
A característica principal de Mar de Couso reside en que dende o ano 2002 comercializa unha ampla gama de pratos precocinados e conservas envasados en cristal, o que supón un factor diferencial en canto ó sabor e calidade dos productos.
A consecución do envasado das ameixas precociñadas e con cuncha é froito dun intenso traballo por parte do equipo investigador da empresa que tivo que facer fronte a varias dificultades como as altas temperaturas do proceso que provocaban a rotura do cristal ou o desprendemento constante da cuncha que incidía negativamente na presentación.
O producto xa foi presentado na Feira Internacional Alimentaria celebrada en Barcelona con enorme éxito de aceptación tanto na presentación como na cata. Con este lanzamento, Mar de Couso, pretende abrirse cara novos mercados internacionais aínda que na actualidade xa exporta a países como Gran Bretaña, Francia, Suíza, Italia, Alemania, Bélgica, Holanda, Grecia, México e Luxemburgo. Aquí, en España, os consumidores poderán atopar as ameixas envasadas a partir do mes de agosto en tendas especializadas. O prezo do tarro oscilará entre os 15 e 16 euros.
Redacción Barbanza