BOIRO > A apertura de novos locais nocturnos en Boiro segue a motivar o enfrontamento entre hostaleiros e veciños que dende hai tempo veñen denunciando as molestias provocadas pola movida nocturna nalgúns barrios. O concello traballa na elaboración dunha ordenanza que limite a concentración deste tipo de negocios pero na actualidade os trámites atópanse paralizados.
Conciliar os intereses do sector co benestar dos veciños é unha tarefa difícil para o concello que, a pesar de ter anunciado a aprobación da nova ordenanza de cara ó verán, pouco ten avanzado no seu desenvolvemento. Polo momento, o executivo está a sancionar as infraccións cometidas polos hostaleiros con multas co obxectivo de que respecten os horarios de peche e os límites de ruído permitidos.
Nesta liña, o tripartito está a ser bastante estricto e mesmo ordenou o precintado dun local polo incumprimento dun decreto de paralización cautelar da actividade.
Os representantes dos veciños integrados na Plataforma de Convivencia están satisfeitos con estas medidas pero instan ó goberno local a poñer en funcionamento a nova ordenanza, que limite a apertura dos locais para evitar a súa concentración en certas zonas.
O representante dos veciños destaca o carácter urxente deste regulamento posto que a día de hoxe hai moitas persoas prexudicadas pola movida nocturna. Entre os veciños, existe división de opinións. Moitos deles quéixanse das molestias que xera este tipo de actividade como son o exceso de ruído, os desperfectos provocados por algúns vándalos e o incremento de lixo e suciedade que se acumula durante a noite. Pola contra, moitos son conscientes da necesidade de buscar alternativas para que a mocidade ocupe o seu tempo de ocio sen prexudicar ó resto da veciñanza.
Á espera de que o executivo axilice a aprobación da ordenanza reguladora, os membros da plataforma veciñal conveniencia non descartan emprender medidas de presión para evita-la apertura de novos locais. Os seus membros reuniranse o vindeiro un de abril para acordar nova actuacións de cara a conquerir os seus obxectivos.
A asociación boiresa forma parte da federación galega FAGACOR que ten previsto realizar actuacións conxuntas a nivel autonómico de cara a conciliar a actividade nocturna cos intereses dos veciños afectados.
Redacción Barbanza