Dous mozos de Outes perden a vida ó caer ó mar co seu vehículo no peirao de Muros

MUROS> O turismo no que viaxaban, xunto a outras dúas persoas máis, precipitouse ó mar. Os outros dous mozos lograron saír a tempo e salvar a súa vida.

Outes segue hoxe consternado e chorando a morte de dous mozos da localidade que na madrugada do venres ó sábado perdían a vida nun accidente de tráfico no peirao de Muros, despois de que o vehículo no que viaxaban, xunto a outros dous amigos, se precipitara ó mar, por causas que están a ser investigadas. Os dous falecidos son Nelson Castro, de 29 anos, e David Perol, de 19. Dous rapaces moi coñecidos na vila.

–inserto

A traxedia puido ser aínda maior, xa que outros dous dos ocupantes do turismo lograron saír do seu interior antes de que o vehículo se afundise totalmente. Ata o lugar achegáronse rapidamente numerosos efectivos de emerxencias. Os primeiros en intervir foron os membros do propio GES de Muros, que axudados por outras persoas que se achegaron á zona do suceso, foron os encargados de retirar ós dous mozos que quedaran atrapados no coche xa afundido. Pese ós múltiples intentos do persoal sanitario, non foron quen de devolverlle a vida.

A Garda Civil de Tráfico realizou un exhaustivo atestado co fin de tratar de esclarecer as posibles causas do infortunio. As declaracións dos dous supervivintes, que xa descansan nos seus domicilios despois de ser atendidos no hospital Clínico de Santiago, serán claves para coñecer o que realmente aconteceu