A plataforma solta mil globos contra a droga

    VILAGARCÍA > A Fundación Galega contra o Narcotráfico clausurou este mércores a campaña Panos Brancos contra a droga. No último mes e medio conseguiron o respaldo de tódolos sectores da sociedade arousá así como das diversas administracións. O acto  supón un punto e seguido xa que os panos brancos volverán reclamarse cada 12 de xuño.

    Coa solta dun milleiro de globos púxoche un punto e seguido á campaña Panos Brancos contra a droga iniciada o pasado oito de febreiro pola Fundación Galega contra o Narcotráfico. Tódolos axentes sociais, económicos e políticos estiveron representados en Vilagarcía neste acto de clausura celebrado na Praza de Galicia. O deporte tamén lle quixo marcar un gol á droga e ata a sede da fundación achegáronse os xogadores de fútbol Borja Oubiña do Celta de Vigo e o ex deportivista Fran. Da man do ex adestrador de fútbol Arsenio Iglesias alzouse unha voz contra a infelicidade que supón caer nese inferno.

    O ámbito político contou con representacións de tódalas administracións. Entre eles estiveron o subdelegado do goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, o delegado da Consellería de Educación en Pontevedra, Cristóbal Fernández, ou o presidente da mancomunidade do Salnés, Jorge Domínguez, ademais de varios membros da corporación municipal de Vilagarcía.

    Pero desde o balcón da fundación escoitáronse máis mensaxes contra a droga. O mundo da educación estivo representado por Marta Gabín, unha alumna do Bouza Brey, por Xosé María Leal, en representación das APAs do Salnés e por Augusto Guedes, director do instituto de Carril. O poeta Xurxo Alonso leu un poema do libro Cidades de Area e José Aldao, cura párroco de Cambados, falou en nome dos colectivos sociais.

    Centos de persoas quixeron participar desta clausura de Panos Brancos contra a droga. Unha campaña que durou preto de mes e medio e que conseguiu a implicación de tódolos sectores da sociedade arousá. Un apoio que a Fundación valora positivamente.

    No entorno da Praza de Galicia seguían véndose os panos brancos, que volverán a saír ós balcóns e fiestras o vindeiro 12 de xuño, data elixida pola Fundación para institucionalizar esta campaña e que coincide coa operación Nécora.

    Redacción Salnés