Duras críticas do PSOE hacia Maceiras pola xestión de varios proxectos municipais

    POBRA > As diferencias entre goberno e oposición volvéronse poñer de manifesto na rolda de prensa ofrecida pola Agrupación Local do PSOE da Pobra. Os socialistas amosaron o seu desacordo coa forma de facer política do alcalde, Isaac Maceiras, e acusárono de ‘apuntarse o tanto’ de varios proxectos, como a piscina municipal ou o polígono da Teixoeira, que foron promovidos, no seu día, polo PSOE.

    O secretario xeral da Agrupación Local do PSOE da Pobra, Xosé Manuel Suárez, criticou duramente a actitude do rexedor local, Isaac Maceiras, na xestión da piscina municipal posto que este proxecto non constitúe un mérito do alcalde nin do seu equipo de goberno senón que xa fora iniciado polo anterior alcalde socialista, Ramón Rego. Neste sentido Suárez pediulle ó alcalde que deixe de ‘apuntarse o tanto’ das actuacións que, tanto a Deputación como a Xunta, están a facer no municipio e que se dedique a facer política de consenso. A secretaria xeral de Medio Ambiente, Teresa García, botou man da hemeroteca para poñer de manifesto a publicidade dada polo alcalde a proxectos presentados como propios pero que xa foran tramitados pola oposición.

    O outro punto de discordancia é a ampliación do Polígono da Tomada, coa que os socialistas están en total desacordo dada a súa incompatibilidade co medio ambiente e coa calidade de vida dos veciños da zona. O PSOE avoga pola creación dun macropolígono na Teixoeira, que xa obtivo o visto bo da Consellería de Vivenda. Neste punto, os socialistas lembran que o alcalde sempre amosou a súa oposición a este proxecto e agora que obtén o respaldo da Xunta pretende presentalo como un logro do equipo de goberno. Así mesmo, afirman que o primeiro en plantexar a posibilidade dun polígono supramunicipal foi o grupo socialista de Ribeira e dende o PSOE comarcal realizáronse diversas xestións diante da Xunta para facer deste macropolígono unha realidade.

    Os socialistas tamén tiveron palabras de crítica hacia os seus socios de goberno na Xunta de Galicia, insistindo na necesidade de superar os localismos e sectarismos posto que constitúen un goberno único que debe estar baseado no consenso das dúas formacións políticas.

    Pola súa banda, o alcalde Isaac Maceiras, saíu ó paso das acusacións dos socialistas alegando que a única intención da oposición é desinformar ós cidadáns. Neste sentido, explicou que a piscina municipal aínda non foi entregada e está pendente a visita dos técnicos da deputación a finais de mes polo que insta ós socialistas a informarse antes de emitir ningún comunicado público. Maceiras non comprende a actitude dos socialistas e cualifica de ‘xogo de nenos’ este cruce de acusacións posto que o único importante é a creación de infraestruturas e riqueza no municipio en beneficio de tódolos pobreses.

    Redacción Barbanza