O Salnés espera unha ocupación do 80 por cento

    SALNÉS > O tempo para esta Semana Santa preséntase moi irregular pero aínda así a hostalería da comarca do Salnés amósase moi optimista. En Sanxenxo e no Grove esperan superar o 80 por cento de ocupación nestes festivos, uns niveis que influirán e con creces na restauración da zona. Os concellos afanáronse estes días para recibir coas mellores galas ós visitantes.

    praia_silgar_1.jpgMoi optimistas se amosan os hosteleiros de Sanxenxo e O Grove, dous dos principais atractivos turísticos da comarca do Salnés. De cara a esta Semana Santa os niveis de ocupación que manexan desde o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo rolda o 80 ou 85 por cento. Cinco puntos por enriba están as estimacións da Asociación de Hosteleiros do Grove que prevé un 90 por cento de ocupación nos vindeiros días. Para dar estas cifras, bótase man da experiencia de anos anteriores que das reservas realizadas nos aloxamentos. As expectativas increméntase tamén porque este ano a Semana Santa se atrasou ata abril. Estas boas expectativas tamén se trasladan á restauración. A gastronomía do Salnés e sobre todo nestas vilas mariñeiras é un atractivo turístico. No Grove e en Sanxenxo consideran que en Semana Santa os visitantes consumen moito máis nos restaurantes da zona.

    praia_silga_tractor.jpgPara que visitantes e turistas leven un bo recordo das nosas costas cómpre que todo estea coidado ó detalle, para que nada enturbie as vacacións. Ante os cambios climáticos non podemos facer nada, pero sí podemos contribuír a uns días de lecer inesquecibles mantendo os espazos naturais sen lixo e adecentados de cara a chegada de miles de persoas. Algunhas praias non presentan moi bo aspecto, anque hai honrosas excepcións. Na zona do Terrón, en Vilanova de Arousa, a Concellería de Turismo iniciou esta semana a limpeza das praias dentro dun dispositivo especial de Semana Santa. Os operarios de Vías e Obras limpan os areais e revisan os servizos instalados, como duchas, papeleiras, etc. Ademais, ó igual que sucede noutros concellos da zona, o Centro de Recepción de Visitantes e a Oficina de Turismo xa están abertas para a chegada masiva de turistas para recibir información sobre os atractivos das Rías Baixas. Na zona das Sinas, que aglutina varios areais de area branca e servizos completos a disposición do visitante, as algas percorrían os areais, amosando un aspecto un tanto descoidado.

    Sen dúbida, o concello de Sanxenxo é exemplo de eficiencia e eficacia no que a mimar ós turistas se refire. En Silgar xa se nota a chegada de visitantes ó longo de todo o paseo e mesmo nos areais. As altas temperaturas animaron a moitos a gozar das vacacións ó pé do mar e o coidado da praia era evidente. Dous operarios reforzan o servizo de recollida de lixo que habitualmente realizan 11, e a vila contará cunha recollida diaria a maiores das habituais. A limpeza viaria pasa de 13 a 17 operarios. A limpeza das praias tamén se ve intensificada de aquí ó remate deste período vacacional.

    O lixo era visible en varias zonas do Cabodeiro, na Illa de Arousa, que contrasta coa limpeza da que si fomos testemuñas noutros lugares. Despois do inverno, os areais acumularon moito lixo arrastrado polas mareas e imponse acometer algunhas tarefas de acondicionamento. A praia meca de San Vicente do Mar tamén amosa un aspecto pouco apetecible de cara ós turistas, anque os servizos están perfectamente adecentados. Neste mércores Santo algunhas persoas xa gozaban destes areais, caso da praia da Lanzada, que nesta semana recibiu a visita de moitos visitantes, atraídos pola particular beleza deste enclave. Estes últimos días melloráronse os accesos ó areal dende as sendas de madeira, despois do temporal do inverno. Na praia da Concha, en Vilagarcía, tamén estes días se achegaban os primeiros turistas.

    O xoves o sol permitirá que todas estas praias luzan en todo o seu esplendor, anque o venres o ceo volverase treboento, o que fará que os visitantes gocen máis da riqueza paisaxística e arquitectónica das Rías Baixas. Con bo ou mal tempo, turistas e visitantes gozarán duns días de lecer para os que os concellos do Salnés se afanaron en ultimar detalles.

    Redacción Salnés