O BNG podería liderar un futuro goberno de esquerdas en Muros

MUROS/NOIA> A xornada electoral viviuse de xeito especial no seo do BNG muradán.

Os nacionalistas convértense na segunda forza da corporación con catro edís, por detrás do Partido Popular que segue a ser a forza máis votada con 5 concelleiros.

Todo apunta a que María Lago será a futura alcaldesa da vila, sempre e cando obteña o respaldo dos socialistas que perden un edil con respecto a hai catro anos.

Nas filas do PP ven bastante improbable seguir gobernando, a pesar de ser a forza máis votada, aumentando tamén o número de edís con respecto a 2019, de catro a cinco.

Outro dos concellos da comarca nos que estará centrada a atención estas próximas semanas é Noia. Alí o Partido Popular segue a ser a forza máis votada, con 7 edís, pero aínda así non lle chegan para conseguir a ansiada maioría absoluta.

O PSOE de Fran Pérez perde un concelleiro, quedando con catro. A Marea conserva os dous que xa tiña e o BNG sube de 1 a 2, polo que chave para gobernar tería novamente o NOIA de Marisol Villar que mantén os dous edís conseguidos en 2019.

En Outes todo apunta a que Manolo González, de CxO seguirá retendo a alcaldía, aínda que para facelo, terá que chegar a un entendemento co resto de forzas de esquerda, tanto o BNG de Anxo Núñez coma co PSOE de Xosé Antonio Caamaño.

O PP de Fran Calo experimentou unha  suba importante no número votos o que o levou a sumar un novo edil con respectoa  2019, pasando de cinco a seis concelleiros. Aínda así non lle chegan para a maioría absoluta.

O Partido Popular si seguirá mantendo as alcaldías de Lousame e Porto do Son. A pesar de baixar un edil, pasando de 7 a 6, a popular Teresa Villaverde continuará a fronte do Concello catro anos máis.

O mesmo lle acontece a Luís Oujo que revalidará a que será a súa cuarta maioría absoluta.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí