A CEP colabora con Rías Baixas para potenciar o sector vitivinícola

    PONTEVEDRA > O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Marisol Bueno, asinaron hoxe un convenio de colaboración. Tratan de potenciar o sector vitivinícola a través da mellora da comercialización e exportación, a innovación tecnolóxica, e a formación continua.

    conveniocepcrdorb_300_270406.jpgA través do convenio asinado hoxe co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, a Confederación de Empresarios de Pontevedra incluirá, no seu vindeiro Plan Anual de Formación Continua, cursos de formación de capataces, especialización en xestión de Bodegas, ou sobre as características, proceso e conservación dos diferentes tipos de elaboración de viños amparados pola D.O. Rías Baixas. A CEP tamén organizará xornadas ou seminarios dirixidos a empresarios, xerentes e traballadores do sector vitivinícola, sobre subvencións, instrumentos de financiamento, innovación empresarial, ou eficiencia enerxética. A colaboración inclúe ademais o impulso de actos de promoción de mercados exteriores.

    O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e a CEP colaborarán na participación en feiras sectoriais ou intersectoriais e en actos de degustación, cata de viño ou xornadas gastronómicas.

    Redacción Salnés