LyC establece un prazo máximo de dous meses para o convenio da área comercial de Espiñeira

    BOIRO > Representantes do executivo boirés reuníronse onte cos directivos da empresa LyC, promotora da área comercial prevista para Espiñeira. Os responsables da inmobiliaria reiteraron ó equipo de goberno o seu interese por implantarse no municipio aínda que non están dispostos a seguir agardando un acordo entre os membros do tripartito que permita a recalificación de terreos. Se no prazo de dous meses, o proxecto non obtén o visto bo do pleno, comezaranse a estudar outras posibles localizacións.

    Nacionalistas e socialistas expuxeron ós representantes da empresa madrileña o seu apoio ó proxecto aínda que non é suficiente para a súa posta en marcha posto que carecen da maioría precisa para autoriza-la recalificación.

    A oposición do edil independente, Manuel Velo, e o grupo popular podería botar abaixo o que BNG e PSOE consideran como ‘unha ocasión histórica’ para converter a Boiro no centro comercial do Barbanza. Aínda así, o alcalde, Xosé Deira ten previsto levar a pleno o proxecto a pesar da oposición de IC Boiro co obxectivo de que a opinión pública coñeza as posturas de cada grupo. Non comparte a mesma opinión o voceiro do PSOE, Xoán Xesús Ares, aínda que non se oporá ó debate no pleno se os seus socios de goberno o deciden así.

    A postura de LyC é moi clara e a pesar de considerar a zona de Espiñeira como o lugar máis axeitado para a implantación dunha gran área de vendas non están dispostos a agardar máis tempo na procura dun acordo entre o tripartito. De feito, unha das opcións plantexadas polo rexedor local era aprazar a sinatura do convenio ata as próximas eleccións municipais ante a posible variación da composición do goberno. Sen embargo, LyC rexeitou esta posibilidade establecendo o prazo de dous meses como límite para a sinatura do convenio. No caso contrario, a empresa estudará outras posibles ubicacións, entre as que se atopa outro concello barbanzán que xa ten formulado unha oferta.

    No transcurso da reunión, os representantes municipais fixéronlle chegar ós responsables de LyC a postura dos comerciantes boireses que estarían dispostos a acepta-la implantación da superficie comercial sempre que non se faga en Espiñeira. A inmobiliaria comprometeuse a estudar esta posibilidade.

    Redacción Barbanza