A Xunta autoriza 20 millóns de euros para a variante de Vilagarcía

    VILAGARCÍA > A Consellería de Política Territorial investirá preto de 20 millóns de euros na construcción da Variante de Vilagarcía de Arousa. O Consello da Xunta autorizou hoxe este gasto, que se realizará en tres anualidades ata o 2008. Para o goberno local de Vilagarcía congratulouse pola aprobación deste gasto que permitirá á Xunta sacar a licitación das obras de inmediato.

    A Variante de Vilagarcía terá 7,6 quilómetros de lonxitude e conectará polo norte coa estrada Po-548 á altura de Carril, na zona da Rosa-O Salgueiral, e no sur, en Godos, coas estradas N-640, PO-531 e co futuro acceso ó Porto de Vilagarcía. Isto permitirá desviar o tráfico que actualmente atravesa o núcleo urbano de Vilagarcía pola avenida Rosalía de Castro, mellorando a seguridade viaria da zona e diminuíndo os tempos de percorrido.

    Esta variante dará servizo, segundo a Xunta, a máis de setenta mil habitantes dos concellos de Cambados, Vilanova, Vilagarcía, Caldas e Catoira. Ós 20 millóns de euros previstos para a construcción da vía hai que engadirlle outros preto de 8,4 millóns para pagar as expropiacións dos 571 predios afectados, situados nos concellos de Vilanova, Vilagarcía e Caldas.

    A obra inclúe a construcción de catro pasos superiores, nove inferiores, dous viaductos e dúas glorietas de enlace. O goberno local de Vilagarcía amosou hoxe a súa satisfacción pola conclusión deste proxecto.

    Redacción Salnés