Os alcaldes do Barbanza súmanse á proposta de abordar a gratuidade da AP-9

BARBANZA> Os alcaldes de Barbanza-Arousa súmanse á proposta do concello de Ames de crear unha comisión para abordar co Goberno Central a gratuidade da AP-9.

Nun comunicado os catro rexedores aseguran que, a pesar de que a comarca conta cunha infraestrutura de vital importancia para a vertebración do seu territorio, en referencia á autovía do Barbanza, esta artéllase practicamente coma un ramal da autopista.

Segundo eles os elevados custes das peaxes desta última impiden que moitos usuarios a empreguen, polo que é preciso avanzar cara a súa gratuidade total.

Por esta razón demandan que as peaxes sexan suprimidas en tramos estratéxicos, apuntando ó comprendido entre Padrón e Santiago.

Dende a mancomunidade Barbanza Arousa entenden que esta medida implicaría un pulo importante para os concellos da comarca, facilitando así a conexión entre eles e a capital galega e tamén con outras vías como pode ser a A-54.