A Pobra do Caramiñal xa dispón de tanatorio

    O municipio da Pobra do Caramiñal conta dende esta pasada fin de semana cun tanatorio, que foi construído pola empresa Pompas Fúnebres Jesús de Nazareno do grupo Fernández y Collazo S.L.

    A nova instalación, que está ubicada nunha parcela que linda co cemiterio  do Castelo, no lugar coñecido como Campo de Arriba, contou cun investimento superior ós 600 mil euros e daralle servizo a uns aproximadamente 25 mil habitantes.

    Un bo número de persoas asistiron esta pasada fin de semana ó acto de inauguración do tanatorio Pompas Fúnebres Jesús de Nazareno pertencente ó grupo Fernández y Collazo S.L., construído nunha parcela de 2.340 metros cadrados a carón do cemiterio do Castelo, e que era propiedade dos herdeiros de don Jacobo Díaz de Rábago y Aguiar.

    A maioría da xente que asistiu á inauguración coincidía na necesidade que tiña a Pobra dun servizo destas características. Ademais o tanatorio tamén beneficiará ós concellos veciños. Ademais do numeroso público á inauguración tamén asistiron os alcaldes de Boiro, Xosé Deira, e a Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras. Este último, xunto co propietario, Javier Fernández Ferreiro, foron os encargados de descubri-la placa conmemorativa do acto.

    Posteriormente levouse a cabo a bendición das instalacións a cargo do cura párroco e arcipreste do Castelo, don Nicolás Garrido. O alcalde pobrés amosou a súa ledicia polo feito de que a vila poida contar cun servizo tan necesario como o do tanatorio.

    Pola súa banda o responsable da empresa construtora, Javier Fernández Ferreiro, explicou as características do edificio e sinalou as prestacións das que disporá o nova instalación.

    A construción, de planta baixa de 600 metros cadrados, está situada no centro da parcela, e feita de materiais nobres autóctonos como o granito ou a tella do país.

    O tanatorio está dotado de catro salas independentes con tódolos servizos necesarios, que se poderían ampliar nun futuro en función da demanda existente.

    O público que asistiu á inauguración puido desfrutar tamén dun refrixerio servido polo Restaurante O Campiño.