O PSOE de Dodro amosa a súa oposición ó proxecto de ampliación do centro de saúde

    DODRO > Continúa a polémica en Dodro en relación ás obras de ampliación do actual Centro de Saúde en Lestrove. No pleno ordinario deste mes de abril, os socialistas realizáronlle unha serie de preguntas ó alcalde, Xosé Fernando Vila Brión, interesándose polas presuntas irregularidades detectadas neste proxecto.

    O voceiro do grupo municipal do Partido Socialista de Dodro, Xabier Castro, puxo de manifesto a situación na que se atopan actualmente as obras de ampliación do actual Centro de Saúde construído en Lestrove, que levan paradas dende hai tempo, observándose ademais unha evidente falla de información sobre o proxecto.

    Segundo el o actual emprazamento non é o máis idóneo, e entre outras deficiencias non conta cun bo aparcamento, o elevador non ten unhas dimensións axeitadas onde non entra nin unha cadeira de rodas e varias salas non dispoñen do espazo regulamentario.

    dodro001.gifO socialista considera que a ampliación do dispensario responde única e exclusivamente a intereses particulares, sendo o propio alcalde o máis interesado en que se leve a cabo no actual emprazamento xa que casualmente é o propietario dunha farmacia xusto enfronte do Centro de Saúde.

    Algunhas das preguntas formuladas polo voceiro socialista, como a referida á falla de aparcamento nos arredores do Centro de Saúde, foron contestadas polo propio alcalde que informou de que o concello disporá en breve de dúas parcelas nas proximidades nas que se creará unha zona de estacionamento.

    Vila Brión tamén afirmou que o executivo local non cometeu ningunha irregularidade neste proxecto.

    Os socialistas tamén lle preguntaron ó alcalde durante a sesión plenaria cal sería a súa postura se a Xunta de Galicia estivera disposta a facer unha importante inversión en Dodro e construír un novo centro de saúde. O rexedor local afirmou non ter coñecemento de tal posibilidade e non quixo pronunciarse ó respecto ata que non houbese algo en firme.

    Redacción Barbanza