Boiro continúa ardendo

    BOIRO > Boiro está a ser un dos concellos barbanzáns máis afectado polo lume. Dous grandes incendios afectaron a boa parte do monte boirés. Un deles, o rexistrado no lugar de Cimadevila, estivo a piques de afectar a unha vivenda e obrigou a pechar unha gasolineira próxima, o outro, iniciado na zona de Vista Alegre arrasou xa varias hectáreas de monte.

    O lume comezou nos arredores do polígono industrial de A Espiñeira, en Boiro. O forte vento e os escasos efectivos dispoñibles nese momento para atender o foco provocaron que o lume comezara a extenderse cara o centro da vila, amezando ás casas do lugar de Cimadevila e máis tarde a unha gasolineira cercana que foi pechada de inmediato para evitar posibles riscos. Ademais tamén se cortou a circulación ó tráfico no tramo da vía rápida a altura de Boiro en sentido Ribeira.

    Nas tarefas de extinción estiveron a traballar varios efectivos de protección civil e bombeiros e tres motobombas así como tamén algúns veciños do lugar que vían como o lume se achegaba ás súas casas. De feito, unha vivenda tivo que ser desaloxada pola cercanía das lapas. Neses momentos no seu interior atopábanse unha persoa maior e a súa neta, xa que o resto da familia estaba fóra colaborando na extinción do incendio. O lume non chegou finalmente a afectar á vivenda aínda que se conseguiu extinguir cando estaba a tan só 10 metros da fachada. O incendio conseguiu apagarse de madrugada. Ademais, só uns metros máis adiante da zona calcinada, iniciábase un novo foco preto da carretera, lume que os veciños comezaron a apagar coas suas mangueiras á espera de que chegaran os efectivos.

    No incendio iniciado na zona de Vista Alegre, preto do campo de fútbol, as cuadrillas estaban intentado evitar que o lume chegara a unha granxa de coellos situada nas cercanías aínda que no lugar tamén estaban a traballar os veciños da zona, que se distribuiron as tarefas para poder coordinar mellor o traballo e conseguir maior efectividade. Así, mentras algúns se encargaban de limpar os camiños para evitar que o lume se extendese, outros colaboraban directamente na extinción das lapas, que se propagaban rápidamente debido ó forte vento que sopraba este mediodía.  Mangueiras, caldeiros, palas e incluso depósitos de auga servían ós veciños para evitar que o lume, na súa opinión intencionado, arrasase o terreo. Un dos veciños que axudaba nas tarefas de extinción comentaba a importancia da colaboración cidadá xa que non hai efectivos suficientes para atender ós tantos incendios que se están a rexistrar estes días na comarca.

    Redacción Barbanza