Rianxo, en alerta nivel 1 polo lume

    RIANXO > Rianxo está a se-lo concello barbanzán máis castigado polos incendios. Varios focos de lume activo manteñen ó municipio en estado de alerta nivel 1.  Os veciños quéixanse da falla de medios para sofoca-las lapas que, en varias aldeas, achegáronse perigosamente ás vivendas, obrigando á evacuación dos residentes.

    O lume segue sen dar tregua ó concello de Rianxo que leva ardendo durante dous días seguidos. Ó incendio iniciado en Asados sumáronse outros moitos focos en varios núcleos rurais de Rianxo e Taragoña, provocando que practicamente todo o concello estea afectado polo lume.

    Á gravidade da situación hai que engadir a escaseza de medios de extinción e as circunstancias climatolóxicas propicias para a propagación de incendios como son o clima seco e cálido e o forte vento. Para combatir o lume e evitar que se achegue ás vivendas, son os propios veciños os que están a colaborar coas brigadas antincendios nas tarefas de extinción, na espera dos medios de reforzo que non chegan.A crispación derivada desta insólita situación faciase evidente no Araño onde os veciños discutían a causa da orixe destes incendios que, segundo a maioría, poderían terse evitado.  Son moitos os que responsibilizan á administración por descoida-la limpeza dos montes e reduci-lo número de brigadas contraincendios mentres que outros consideran necesario que os efectivos se repartan por toda a comarca dun xeito equitativo para facer fronte ós múltiples incendios que arestora asolan o Barbanza.

    Segundo os últimos partes meteorolóxicos, semella que a situación do tempo non vai mudar nos próximos días co que o perigo da propagación de lumes é constante. Sen embargo, a situación en Rianxo é difícil que vaia a peor porque, sinxelamente, non queda apenas nada por queimar.

    Ademais da importante perda ecolóxica que esta a supoñer esta queima descontrolada dos montes barbanzáns, o lume está a ameazar moitas vivendas situadas no eido rural. Varios veciños das aldeas rianxeiras de Traba, Campelo e Vilar do Araño permaneceron en vela loitando por afastar o lume das súas casas. Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais pero moitos veciños tiveron que ser desaloxados das súas casas pola proximidade do lume e a intensa fumareda que invadía as vivendas. Moitos deles xa puideron voltar ós seus fogares aínda que parte dos evacuados continúan aloxados nos polideportivos municipais de Rianxo e Taragoña posto que as persoas maiores e os cativos corren risco de sufrir complicacións. Alí, contan con servizos de atención médica e sicolóxica a cargo de persoal sanitario e voluntarios da Cruz Vermella. A pesar das boas condicións en que se atopan, o desexo de todos eles é voltar para casa canto antes.