Saturación e malestar no centro de saúde de Ribeira ante a falla de médicos

RIBEIRA> Malestar en Ribeira ante a falla de médicos que se traduce nunha importante lista de agarda na atención primaria. Hoxe o centro de saúde contaba unicamente con 4 facultativos.

Obter cita para o médico de cabeceira en Ribeira implica unha espera de máis de dúas semanas. Débese á falla de facultativos posto que hoxe tan só pasaban consulta 4 profesionais.

Os médicos denuncian as dificultades para prestar unha axeitada asistencia e a sobrecarga de traballo que implica para os profesionais en activo que, ademais do seu cupo, deben asumir o do resto de facultativos así como as urxencias que poidan presentarse.

Dende o concello presentaron un escrito ante o SERGAS solicitando a cobertura urxente de tódalas vacantes, ausencias e vacacións. Así mesmo, volven instar á Consellería de Sanidade a manter un encontro cos responsables do goberno municipal para analizar as necesidades do municipio no eido sanitario.