![]()
POBRA > Tras dous meses de longa espera, finalmente o buque ‘Sunny Jane’ atracouno porto da Pobra do Caramiñal. A embarcación, de bandeira rusa, permanecía fondeada fronte ó porto sen poder descargar o atún que albergaba nas súas bodegas xa que ó parecer figuraba na lista negra de barcos sospeitosos de realizar capturas ilegais.
O buque mercante ‘Sunny Jane’ recibía a nova de que podía atracar no porto da Pobra do Caramiñal logo de que varios inspectores do Ministerio de Pesca avaliaran o cargamento de peixe que mantiña conxelado nas súas bodegas en cumprimento dun auto ditado polo xulgado do mercantil da Coruña.
Polo momento non poderá descargar as preto de 600 toneladas de atún que albergaba no seu interior aínda que dende o Ministerio indican que se fará o antes posible para que a mercancia se conserve nas mellores condicións posibles. Ademais, logo de dous meses fondeado nas inmediacións do porto, a tripulación comezaba xa a sufri-las consecuencias da escaseza de víveres e combustible.
En cumprimento do citado auto, os seus depósitos foron cargados de combustible e as súas despensas de alimentos polo que os membros da tripulación ven máis preto o día de marchar para o seu país de orixe.
O Ministerio de Pesca prohibíralle ó buque a súa entrada na dársena pobresa hai dous meses debido a que este figuraba na lista negra de barcos sospeitosos de executar prácticas de pesca ilegais, non reguladas e non reportadas. Dende ese momento o ‘Sunny Jane’ permaneceu fondeado preto do porto pero sen poder achegarse ata que se resolveran as infraccións que tiña pendentes.
Redacción Barbanza










