A FEB analiza os motivos do abandono da patronal ribeirense

    RIBEIRA> Dende a xunta directiva da Federación sinalan que as portas da entidade seguirán abertas por se houbera unha reconsideración na súa decisión. Á asemblea extraordinaria desta tarde, convocada con carácter de urxencia, asistiron a práctica totalidade dos presidentes das nove asociacións de empresarios que integran a Federación, incluída a do Centro Empresarial da Construción. Á xa consabida ausencia da patronal ribeirense, que o pasado mércores remitiu unha carta informando de que causaba baixa da entidade, hai que sumarlle tamén a falta do representante da Pobra, que non puido asistir por motivos persoais e delegou o voto no presidente da FEB. A xuntanza tiña coma principal finalidade analizar o abandono da entidade por parte da Asociación de Ribeira. Un feito que non caeu de bo grao na Federación, ó tratarse dunha das patronais máis representativas, na que o tecido empresarial e comercial ten un peso importante. Neste sentido dende a FEB aluden a que a decisión lles colleu por sorpresa e que non responde a criterios obxectivos. Sen queren xerar máis polémica, dende a directiva da patronal comarcal considérase que a entidade é un foro empresarial no que o empresariado de Ribeira debería seguir representado, sinalando que a postura tomada pola directiva da asociación ribeirense é un erro. Ademais apuntan a que as portas da entidade seguirán abertas ante unha posible reconsideración da decisión. Por último indicaron tamén que as empresas de Ribeira seguirán tendo a mesma cobertura e apoio dentro das actuacións puntuais que a FEB acometa ou naqueles posibles servizos que se poidan ofertar.