Educación reubicará ós alumnos do Castelao na busca de alternativas á rotonda

    RIANXO > O Delegado da Consellería de Educación, Pedro Armas, achegouse esta pasada fin de semana a Rianxo para coñecer de primeira man a polémica suscitada a raíz da construción da rotonda a carón do colexio Castelao. Durante unha xuntanza mantida co colectivo de pais e o Consello Escolar deste centro educativo, á que asistiu tamén o alcalde, Pedro Piñeiro, acordouse reubicar provisionalmente ós alumnos coas aulas máis próximas á estrada noutros espazos do colexio, ó tempo que se buscarán novas alternativas para a rotonda.

    Despois de máis de dúas horas de xuntanza, na que o Delegado de Educación tivo tempo dabondo para supervisa-la situación da polémica rotonda e comprobar a proximidade desta con respecto ó colexio Castelao, chegouse a unha solución provisional por tódalas partes afectadas por este asunto: proxenitores, concello e Consellería de Educación. Este acordo non é outro que trasladar as actuais aulas de infantil a outro espazo do propio centro educativo mentres que non se resolva a situación definitiva da rotonda.

    A intención da consellería de Educación pasa tamén  por mandar esta mesma semana a dous técnicos que avaliarán a situación desde a perspectiva educativa e emitirán un informe ó respecto.

    O Delegado de Educación fixo alusión tamén á boa disposición existente por parte de tódolos implicados neste conflito, coa única finalidade de buscarlle unha solución ó problema.

    Dende o executivo local tomouse o compromiso de facer tódalas xestións oportunas coa Deputación da Coruña para restitui-lo tráfico a como estaba antes da rotonda. Unha actuación que deberá realizarse, segundo o acordo cos propios pais antes do día 11 de setembro, eliminando parcialmente a infraestrutura en canto os técnicos non atopen outra alternativa ó tráfico na zona.

    A pesar do acordo provisional acadado, o colectivo de pais e nais do colexio Castelao decidiu continuar coa convocatoria de mobilización en contra da rotonda ubicada fronte ó colexio Castelao, desenvolvéndose con grande éxito de participación durante a xornada do domingo. Despois de percorre-la distancia que separa a Praza Castelao da polémica rotonda deron lectura a un manifesto no que agradeceron o apoio recibido por tódolos veciños do municipio.

    Baixo un lema común: a seguridade dos nenos, partiu a mobilización convocada polo colectivo de nais e pais do colexio Castelao que se opoñen á construción da rotonda a escasos metros do colexio.

    Unha gran pancarta na que podía lerse: ‘Pola seguridade dos nosos fillos, pola seguridade vial en Rianxo. ¡Non á rotonda do colexio!’ encabezaba a manifestación que percorreu a rúa Rosalía de Castro ata a confluencia con Arcos Moldes, onde se está a realizando a construción da polémica infraestrutura.

    Pola súa banda o alcalde rianxeiro, Pedro Piñeiro, que non acudiu á manifestación, solicitou diálogo e serenidade a tódalas partes implicadas neste conflito, suxerindo que se agarde á resposta das distintas institucións ás que se lle solicitou mediación antes de tomar unha decisión definitiva.

    Piñeiro Hermida pediu tamén que se agarde á resposta das institucións ás que os pais solicitaron a súa mediación no conflito como é o caso do Valedor do Pobo, o Presidente da Xunta ou distintas consellerías antes de posicionarse definitivamente e reclamou que se deixe que os expertos escoiten a tódalas partes implicadas no conflito e logo falen na súa linguaxe independente.

    Redacción Barbanza