Unha herdanza moi cara

    concelloboiro_100_201006.jpgBOIRO > O executivo de Boiro terá que aportar dous millóns de euros

    … en concepto de antigas débedas contraídas polo anterior goberno do PP. Así o establecen dúas sentencias relativas ó pago á empresa Necso, encargada da execución da casa consistorial, e ós propietarios expropiados para a construción da Avenida de Avellaneda.

    A primeira das sentencias, dictada polo Tribunal de Xustiza de Galicia, obriga ó pago dun millón vintecinco mil euros para salda-la débeda coa empresa Necso que, xa hai catro anos, acometeu a construción do novo edificio da casa consistorial boiresa. Para facer fronte a este pago, o concello contará coa colaboración económica da Xunta de Galicia aínda que é difícil xustificar partidas para unha actuación xa rematada e coas certificacións de obra entregadas hai catro anos. O alcalde boirés, Xosé Deira, lembrou que este proxecto foi adxudicado de xeito irregular sen contar cunha partida orzamentaria para a súa execución.

    A outra sentencia, emitida polo Xurado Provincial de Expropiacións, establece o pago dun millón de euros ós propietarios das dezasete fincas expropiadas na zona da Cachada para a apertura da rúa de Avellaneda, unha actuación acometida tamén polo anterior goberno do PP. Polo momento, a sentencia soamente obriga a realiza-lo ós propietarios que recorreron a expropiación inicial. No caso de que os restantes veciños afectados decidan recorrer, unha nova sentencia favorable podería supoñer o pago doutro millón de euros. O executivo municipal terá que recorrer a unha operación crediticia para habilitar unha partida orzamentaria que permita sufragar estes gastos.

    Investimento nas parroquias

    Os responsables do executivo municipal criticaron a xestión desenvolvida polos seus antecesores no goberno posto que deixaron unha débeda herdada de preto de once millóns e medio de euros. Non entenden, por tanto, as críticas efectuadas dende o principal partido da oposición pola suposta falla de inversión en obras importantes para Boiro.

    O concelleiro de Obras explicou que, ademais de ter que facer fronte ás débedas acumuladas polo PP, o seu goberno leva realizadas obras vitais para a dotación de servizos básicos en tódalas parroquias do municipio. Ademais da renovación das redes de abastecemento e saneamento e a pavimentación das rúas estase tratando de dinamiza-la vida das parroquias coa creación de diversos centros sociais.

    Ares referiuse tamén a outros proxectos acometidos no centro de Boiro como a remodelación do entorno da igrexa de Santa Baia ou o plan de peonalización do casco urbano.