Miltoneladas de lixo retiradas das praias barbanzás

    BARBANZA > Nas praias do Barbanza continúa a retirada dos residuos procedentes dos montes queimados este verán e que as riadas arrastraron ata os areais. O Ministerio de Medio Ambiente cifra nunhas mil toneladas a cantidade de lixo retirado nas praias de Rianxo e a Pobra. Na mañá do venres iniciábase ademais a limpeza noutro dos areais da comarca que resultaron afectados, o de Barraña en Boiro. Uns labores que están a realiza-los propios mariscadores do pósito.

    O Ministerio de Medio Ambiente leva contabilizado ata o momento unhas cinco mil toneladas de lodos e residuos arrastrados polas riadas destes días desde os montes queimados este pasado verán nas Rías Baixas.

    Dese total, aproximadamente unhas mil toneladas corresponden á comarca do Barbanza, concretamente ás praias da Torre e da ensenada de Beluso en Rianxo e á dos Raposiños na Pobra do Caramiñal. Nos labores de limpeza están a traballar conxuntamente operarios da empresa Tragsa, así como tamén un grupo de traballadores de corenta persoas contratados tamén por Medio Ambiente grazas a un convenio co Inem. A situación no Barbanza estase a extender a outras praias da zona como é o caso da de Barraña.

    Limpeza

    A primeira hora da mañá os mariscadores do pósito boirés iniciaban os traballos de limpeza. Coa axuda de rastrillos, coas súas propias mans e con capachos trataban de retira-los residuos, fundamentalmente follaxe, existentes no areal e que amenazan ó marisco. Para a marioría deles trátabase dunha situación previsible polo que debería terse controlado con anterioridade por parte das autoridades competentes.

    A limpeza nos areais barbanzáns está previsto que continúe nos próximos días, aproveitando a mellora do tempo que pode dar unha tregua esta fin de semana e posibilitará a retirada de tódolos residuos arrastrados polas riadas e a chuvia.

    Redacción Salnés