Vivenda estuda a creación de vivendas protexidas na Pobra

    POBRA > O alcalde da Pobra solicitou á Consellería de Vivenda a construcción de pisos de protección oficial no municipio co obxectivo de facilitarlles ós mozos da localidade o acceso a unha vivenda digna.

    Segundo informou o alcalde pobrés a xuntanza non puido ser máis productiva, xa que a Conselleira Teresa Táboas foi moi receptiva ás propostas que lle foron presentadas. Unha vez entre en vigor o Plan Xeral de Ordenación Municipal, tanto Vivenda coma o propio concello e os promotores interesados, poderían chegar a un acordo para habilitar nalgún dos doce polígonos de terreo urbano non consolidado existentes no novo planeamento algunha das vivendas protexidas, xa que o concello dispón do 20% da edificabilidade nestas zonas.

    Algúns dos solares que o executivo pobrés pretende poñer en mans da Consellería situaríanse na Virxe do Monte, no Lapido ou no Lagar. Esta iniciativa formulada polo goberno local pareceulle unha boa idea á titular de Vivenda que se comprometeu a estudala e que remataría coa sinatura dun convenio entre as dúas partes.

    Dende un primeiro momento dende a súa chegada ó goberno na Pobra Isaac Maceiras tiña como reto a construción de vivendas de promoción pública destinadas fundamentalmente ós xoves do municipio, facilitándolles así a posibilidade de acceder a unha vivenda digna, ben en forma de alugueiro ou por adquisición.

    Segundo sinalou o propio rexedor pobrés esta proposta convertiría a este concello en pioneiro en toda Galicia, evitando a formación de guetos e garantindo a calidade das vivendas de promoción pública que se deberían axustar a unhas regras importas polo departamento autonómico.

    Durante a xuntanza, que se prolongou por máis dunha hora, o alcalde convidou a Teresa Táboas a visita-la localidade, para presentarlle in situ a proposta, chegando mesmo a obte-lo seu compromiso. A data podería ser previsiblemente o vindeiro mes de novembro.

    Redacción Barbanza