Formación con última tecnoloxía no Obradoiro de Emprego ‘Nordés’

    A ILLA > O Concello e a empresa Choiva asinaron un convenio dirixido ó Obradoiro de Emprego ‘Nordés’, que permitirá ás alumnas de Confección de Complementos Náuticos formarse con maquinaria de última tecnoloxía.

    As alumnas do módulo de confección de complementos náuticos do Obradoiro de Emprego ‘Nordés’, da Illa de Arousa, terán oportunidade de traballar con tecnoloxía avanzada para impermeabilización de prendas. O alcalde Manuel Vázquez mailo xerente da empresa Choiva, Juan Carlos Trigo, asinaron hoxe un convenio de colaboración. Durante dúas horas ó día, as 9 mulleres deste módulo recibirán as clases nas instalacións de Choiva, na parroquia ribadumiense de Sisán.

    Nesta empresa aprenderán a manexar unha máquina de soldadura de alta frecuencia para pegar as costuras das prendas, e tamén terán oportunidade de iniciarse noutra máquina de selado por medio de aire quente a presión. Última tecnoloxía que precisa dunha man de obra moi especializada.

    O concello espera agora que outras empresas da zona tomen exemplo e colaboren co resto de módulos deste obradoiro. O taller botou a andar o pasado 30 de xuño con 45 alumnos. Ademais de confección, a formación complétase coas especialidades de carpintería, albanelería, xardinería, e construcción naval.

    Redacción Salnés