O Parlamento Galego sae á rúa a relacionarse coa sociedade

    PONTEVEDRA > Por iso, para celebra-lo seu 25 aniversario, organizáronse unha serie de actos en diversas cidades galegas e hoxe tocoulle a Pontevedra. E para inaugura-los actos achegouse ata a vila a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino.

    Pontevedra acolleu hoxe e mañá a celebración dos 25 anos de Parlamento Galego. Unha celebración que nesta cidade está baseada nas relacións sociais. Precisamente por iso entre as actividades programadas na cidade están varias relacionadas coa integración, que se desenvolven na praza Curros Enríquez. Deste xeito calquera pode comprobar como se sinte unha persoa con discapacidade.

    Entre os primeiros en facelo estiveron a propia presidenta do Parlamento mailo alcalde de Pontevedra, quen destacou o importante papel da institución homenaxeada. Outra das paradas da presidenta do Parlamento e do alcalde foi o Centro de Día Saraiva, onde entregaron o primeiro premio do concurso ‘O Parlamento: a túa casa’. Foi a primeira edición deste certame que pretende abri-las portas do Parlamento á cidadanía e mellora-lo coñecemento dunha das institucións máis importantes do goberno galego.

    O Centro de día pontevedrés foi o vencedor e hoxe os seus usuarios recolleron o trofeo. Os actos deste 25 aniversario na cidade de Pontevedra continuarán mañá. Ademais ás doce do mediodía no Centro Social Caixanova haberá un acto institucional aberto tamén a todo o mundo baixo o lema ‘Accesible, habitable, participativa, a cidade imaxinada’ .

    Redacción Salnés