O Grove celebra o día do seu patrón, San Martiño, con múltiples actividades

sanmartiogrove_100_131106.jpgO GROVE > Ademais da misa solemne e a procesión, as rúas da vila enchéronse de actividades para tódolos públicos.

O bo tempo desta fin de semana fixo lucir aínda máis as celebracións en honor ó patrón do Grove, San Martiño. A festa viviu o seu día grande cunha morea de actividades que comezaron pola mañá. Dende o obradoiro de cabazas, que deu como resultado estes fermosos exemplares, ata os talleres de globoflexia e maquillaxes e os xogos populares nos que participaron moitos nenos.

Tódalas actividades tiveron como esceario a praza do Corgo, onde pola tarde tamén se celebrou un magosto que reuniu a centos de veciños e tamén visitantes que percorrían a vila aproveitando o bo tempo.

Clásicos populares

cochesclasicosgrove_200_131106.jpgO sábado pola tarde comezou tamén unha concentración de vehículos clásicos populares de San Martiño que continuou o domingo cun percorrido pola vila no que se puideron ve-los fermosos coches chegados ata o concello meco. A maioría eran escarabellos e 2 CV, anque tamén se puideron ver algúns Mercedes que chamaron a atención de tódolos presentes. As actividades do programa de San Martiño continuarán os vindeiros días con sesións de contacontos e diversos obradoiros.

Magostos

Anque O Grove foi o concello onde máis se celebrou o San Martiño, moitos concellos e asociacións aproveitaron a data para facer tamén os seus magostos. magostoribadumia_200_131106.jpgA Carballeira de Ribadumia acolleu o sábado a Festa do Magosto, organizada polo Concello en colaboración coas diferentes asociacións locais.

Ás 4 e media da tarde comezaron os xogos, dirixidos a tódalas idades e onde non faltaron as populares carreiras de sacos ou o tiro da corda. Asemade, tamén houbo música tradicional e unha verbena que animou moito ós presentes, que non se resistiron a proba-las castañas do magosto. Máis de 180 quilos se repartiron en Riadumia xunto con 50 quilos de rosca e 100 litros de chocolate. Unha boa forma de darlle a benvida ó inverno.

Redacción Salnés