Política Territorial investirá nove millóns na reordenación do porto rianxeiro

    mariaxosecaride_100_131106.jpgRIANXO > María Xosé Caride presentou en Rianxo as actuacións previstas nos portos do municipio.

    A Conselleira de Política Territorial aproveitou a visita ó concello barbanzán para asinar un convenio de colaboración que permitirá a execución da fase final do centro socio-cultural.

    O proxecto presentado polo equipo de Portos de Galicia inclúe unha serie de reformas nos portos de Taragoña e Rianxo. No primeiro deles investiranse unha partida de 330 mil euros na regularización do dique e a remodelación da zona.

    No porto de Rianxo procederase á reordenación total do espazo portuario, dotando á vila dunhas modernas e máis seguras instalacións con zonas delimitadas para as distintas actividades pesqueiras e náutico-deportivas.

    En total levaranse a cabo catro actuacións; a primeira delas será a mellora da dársena que xa se está a executar por un importe superior ós tres millóns de euros. As obras xa se atopan nunha fase bastante avanzada polo que poderían estar finalizadas a mediados de 2007. No interior da dársena habilitaranse os pantaláns para o sector mexilloeiro que suporán un custo de dous millóns cen mil euros e xa está licitada a construción de departamentos para os usuarios do porto cun imnvestimento de 3’4 millóns de euros. Por último está prevista a urbnización de zona sur que se atopa bastante deteriorada, actuación que suporá un investoimento de douscentos mil euros.

    Aínda que o proxecto está prácticamente rematado aínda quedan algúns flecos soltos como a situación do vial de acceso ó porto, escollo que Portos de Galicia ten previsto solucionar canto antes.

    A Conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, considera que esta importante inversión contribuirá a dinamizar a vila de Rianxo economica e socialmente a través da creación de emprego. Neste sentido lembrou os proxectos que está a levar a cabo o goberno autonómico como a autovía do Barbanza, a mellora das infraestruturas portuarias e o centro socio-cultural de Rianxo que constitúen tres pilares básicos para o desenvolvemento do municipio. 

    Pola súa banda, o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro, considera que estas actuacións veñen ratificar o compromiso da Xunta de Galicia co seu concello que leva moito tempo agardando a reordenación da zona portuaria como impulso definitivo para a súa economía.

    Así mesmo, Pedro Piñeiro quixo agradecer a colaboración dos veciños afectados polos proxectos que se están a levar a cabo no municipio, tanto aqueles que tiveron que ser expropiados así como os que lles afectan as obras de xeito indirecto.

    Redacción Barbanza