Técnicas de relaxación para combate-lo estrés

    POBRA > Os pobreses terán a partir do mes de febreiro a oportunidade de participar nunha nova disciplina deportiva para adultos: o ioga.

    O departamento de deportes ofertará clases desta técnica de relaxación oriental que se desenvolverán no Club de Xubilados da localidade. Os interesados poden solicitar información nas oficinas deportivas da Casa da Cultura Raquel Fernández Soler.

    Estrés, ansiedade, depresión, insomnio, e unha longa lista de males que poden ser combatidos mediante a práctica do ioga, unha técnica de relaxación que, segundo os seus seguidores, aporta grandes beneficios para a saúde. As clases, que se comporán de exercicios de estiramentos, corrección de posturas e técnicas de meditación, será impartidas pola monitora Belén Saborido.

    Os grupos organizaranse en dous turnos, un de sete a oito e cuarto e outro de oito e media a dez menos cuarto, os luns e os venres nunha aula do club de xubilados. O prezo da inscrición será de 30 euros mensuais e o único que se precisa para a asistencia é unha manta e unha esterilla. A encargada de impartir as clases animou a tódolos pobreses a coñecer esta nova disciplina posto que é axeitada para calquera idade e o seus beneficios nótanse dende o primeiro día.

    Ademais desta nova actividade, a Concellería de Deportes da Pobra xa abriu o prazo de inscrición no segundo cuadrimestre das escolas deportivas nas que se imparten diversas disciplinas como edcación física de base, patinaxe artística, baloncesto, actividades multideportivas ou fútbol base, entre outras. Os interesados en inscribirse poden obter toda a información necesaria nas oficinas de deportes situadas na casa da cultura pobresa, de luns a venres, en horario de nove e media a dúas e media.

    Redacción Barbanza