Noia reforza a súa aposta pola conciliación con campamentos gratuítos durante o verán

NOIA> O concello de Noia abre o prazo de inscrición para os campamentos de verán. Este ano serán gratuítos grazas a unha subvención do Plan Corresponsables. Distribuiranse en 6 quendas e terán prioridades os empadroados no municipio.

Novidades no Plan Concilia do concello de Noia para este verán. Os campamentos serán gratuítos posto que o concello resultou beneficiario dunha axuda do Plan Corresponsables. Distribuirase en seis quendas, entre o 24 de xuño e o 6 setembro,  e ofrecerán servizo de madrugadores e saída tardía.

Terán prioridade os empadroados en Noia e, nun principio, tan só se permitirá a inscrición dun neno por quenda excepto que traballen os dous pais. O concello reforza así a súa aposta pola conciliación, estendéndoa non só a períodos non lectivos senón que tamén ofrecerá actividades de lecer durante o curso fóra do horario escolar.

Dan resposta así ás demandas das ANPA que levan anos colaborando estreitamente co concello para sacar adiante os campamentos e ampliar os servizos de conciliación no municipio.